xoves, 3 de decembro de 2015

ARREDOR DA TELE E O MACHISMO

Hai uns días atrás que nun programa deses de nenos cantores se deu un caso clarísimo de “contraeducación”. E que significa contraeducación? Un dos membros do xurado, unha muller, valorou a actuación dun dos nenos participantes de forma positiva posto que o rapaz tiña un “aire chulito, que a mi, como mujer, me encanta”. Analicemos esta aseveración. Debemos entender que é positivo que un neno –porque nunha nena nunca sería así- demostre unha actitude deste tipo? Supoñamos que si. Entenderá esta muller que ela expresou un gusto persoal (gústanlle as persoas “chulas”), pero sería o mesmo se esta actitude a mostrase unha nena? Igual si. Entón, debemos aplaudir a súa sinceridade, pois ela só verbalizou o que está “de moda”, o que a industria musical fomenta: hai que ter unha personalidade subversiva para ter éxito como artista. Seguramente isto sexa certo, se vemos o panorama musical, actual e pasado. Os artistas que triunfan, ao máis alto nivel mundial, son aqueles que posúen estas características. E con estes refírome aos que teñen un público preadolescente ou adolescente.

Transmíteselles, normalmente ás rapazas, un modelo masculino ideal e irreal a través do audiovisual. O prototipo de home “perfecto”, aquel que é perfecto na súa imperfección. Explícome. Este home sempre é “un tío malo” que lles fai dano ás mulleres, que se porta mal con elas, que non quere a ninguén máis que a si mesmo, que non respecta as normas, etc., é dicir, un Christian Grey. Pero, oh! Apareces ti, rapaza torpe, imperfecta, fea, con gafas, que non viste nada sexy. El ve algo que ninguén máis ve: o teu interior perfecto, doce, estrafalario, raro, pero amorosamente entrañable. Sucede algo máxico, el namorase de ti e cambia a súa forma de ser para sempre, dun día para outro, sen pestanexar. Eu pregúntome, e despois que? Serás feliz con ese home que xa non é como che gustaba nun principio? Tamén ti cambiaches, dun día para outro, o teu gusto? Ou será que o que realmente che gustaba era ese reto de poder cambiar a unha persoa? De ser así, unha vez conseguido, buscarás outro? Se o que querías era un home atento, boa persoa, respectuoso coas mulleres, etc., por que te fixaches na banda oposta? Caeremos no tópico de que os polos opostos se atraen.

Normalmente, tras o frechazo, a rapaza tampouco será a mesma, cambiará a súa forma de vestir, de ser, a súa actitude cara os demais... ela é consciente do seu cambio? Se o é, porque non o fixo antes de coñecer á súa media laranxa? Non. O importante é que unha persoa te revolucione por dentro, que sexa tan importante que te cambia da noite á mañá. Isto é o que lles transmitimos ás nosas nenas e aos nosos nenos. Un amor desfasado para a sociedade, non actualizado, máis propio das Cantigas medievais que dunha sociedade igualitaria.


Que facemos educadores e educadoras? Intentar reverter esta situación. Debemos facelo, pois así estamos obrigados/as por lei. Paréceme ben. Pero volvemos ás mesmas, quen socializa? A tele. Quen está na tele? Mulleres que defenden ante miles de espectadores e espectadoras, entre eles moitos menores, que lle gustan “chulos”.