xoves, 3 de decembro de 2015

ARREDOR DA TELE E O MACHISMO

Hai uns días atrás que nun programa deses de nenos cantores se deu un caso clarísimo de “contraeducación”. E que significa contraeducación? Un dos membros do xurado, unha muller, valorou a actuación dun dos nenos participantes de forma positiva posto que o rapaz tiña un “aire chulito, que a mi, como mujer, me encanta”. Analicemos esta aseveración. Debemos entender que é positivo que un neno –porque nunha nena nunca sería así- demostre unha actitude deste tipo? Supoñamos que si. Entenderá esta muller que ela expresou un gusto persoal (gústanlle as persoas “chulas”), pero sería o mesmo se esta actitude a mostrase unha nena? Igual si. Entón, debemos aplaudir a súa sinceridade, pois ela só verbalizou o que está “de moda”, o que a industria musical fomenta: hai que ter unha personalidade subversiva para ter éxito como artista. Seguramente isto sexa certo, se vemos o panorama musical, actual e pasado. Os artistas que triunfan, ao máis alto nivel mundial, son aqueles que posúen estas características. E con estes refírome aos que teñen un público preadolescente ou adolescente.

Transmíteselles, normalmente ás rapazas, un modelo masculino ideal e irreal a través do audiovisual. O prototipo de home “perfecto”, aquel que é perfecto na súa imperfección. Explícome. Este home sempre é “un tío malo” que lles fai dano ás mulleres, que se porta mal con elas, que non quere a ninguén máis que a si mesmo, que non respecta as normas, etc., é dicir, un Christian Grey. Pero, oh! Apareces ti, rapaza torpe, imperfecta, fea, con gafas, que non viste nada sexy. El ve algo que ninguén máis ve: o teu interior perfecto, doce, estrafalario, raro, pero amorosamente entrañable. Sucede algo máxico, el namorase de ti e cambia a súa forma de ser para sempre, dun día para outro, sen pestanexar. Eu pregúntome, e despois que? Serás feliz con ese home que xa non é como che gustaba nun principio? Tamén ti cambiaches, dun día para outro, o teu gusto? Ou será que o que realmente che gustaba era ese reto de poder cambiar a unha persoa? De ser así, unha vez conseguido, buscarás outro? Se o que querías era un home atento, boa persoa, respectuoso coas mulleres, etc., por que te fixaches na banda oposta? Caeremos no tópico de que os polos opostos se atraen.

Normalmente, tras o frechazo, a rapaza tampouco será a mesma, cambiará a súa forma de vestir, de ser, a súa actitude cara os demais... ela é consciente do seu cambio? Se o é, porque non o fixo antes de coñecer á súa media laranxa? Non. O importante é que unha persoa te revolucione por dentro, que sexa tan importante que te cambia da noite á mañá. Isto é o que lles transmitimos ás nosas nenas e aos nosos nenos. Un amor desfasado para a sociedade, non actualizado, máis propio das Cantigas medievais que dunha sociedade igualitaria.


Que facemos educadores e educadoras? Intentar reverter esta situación. Debemos facelo, pois así estamos obrigados/as por lei. Paréceme ben. Pero volvemos ás mesmas, quen socializa? A tele. Quen está na tele? Mulleres que defenden ante miles de espectadores e espectadoras, entre eles moitos menores, que lle gustan “chulos”. 

luns, 21 de setembro de 2015

Arredor do sexo nas aulas

Se alguén chegou aquí buscando un relato erótico, síntoo. Imos achegarnos ó tema do sexo nunha aula de secundaria. Xurdiume o interese polo tema (o da relación sexo e educación, non o do sexo en si) cando, de súpeto, recordei ó meu titor e profe de música de 4º da ESO.

O meu profe deuse de conta, a metade de curso que, na hora semanal de titoría, que el pensaba aproveitar para que estudásemos e repasásemos contidos doutras materias, practicabamos a nobre arte de facer nada. Chegounos á semana seguinte cun guión, seguramente tirado do Google “hablar con los alumnos de sexo en la hora de tutoría” (en Google, as cousas serias só se atopan en castelán). Ese guión propoñía diferentes temas relacionados, non explicitamente, co sexo, as relacións, métodos anticonceptivos, ETS, etc. Como é lóxico, con 15 e 16 anos, as risas non se disimularon. Ante a nosa reacción o profe sorriu e deu por feito que nos facía gracia por vergonza, porque aínda non sabiamos o que era aquilo. Comezou a falar como gran experto no tema e as risas continuaron. Para facernos calar un pouco, sinalou a unha de nós e preguntou:

-A ver, ti que tanto te ris, sabes do que estou falando?

Xirámonos expectantes esperando a resposta da compañeira.

–Profe, sabes ti do que falas? Porque non o parece.

A gargallada foi unánime, mais o colorado foi el e non ela. O coitado quedou sen fala (para que vexades como pode ser un/unha adolescente). Vimos debilidade nel e animámonos a continuar a tese da nosa compañeira.

–Profe, como perdiches a virxindade?- dixo alguén en alto.

El contestou moi nervioso e coa fala entrecortada: -Pois... coma todo o mundo. Nunha cama e coa luz apagada.

A batalla de preguntas continuou toda a hora.

–Profe, ti vas de putas?

-Eu? Non! Bueno... unha vez, nunha despedida, pero bueno... esa non conta! Bueno... eu prefiro ir ó videoclub, pillar unha peli e bueno... Ide recollendo que vai tocar o timbre.

Así, volvemos a practicar a nada na hora de titoría. Poñéndome no papel do profe, desa experiencia aprendín varias cousas:

1. Non debes ter medo a falar de cousas que che poidan dar vergonza: sexo, temas escatolóxicos, morte, enfermidade, política, relixión. En definitiva, todo aquilo que adoitas evitar nas comidas familiares.

2. Procura ser sincero/a co alumnado. Sempre van notar cando “vas” de algo que non es.

3. Prepara o tema moi ben. Anticípate ó que che poidan preguntar. Nunca penses “bah, iso é imposible que o digan nunha clase” ou “son moi novos para saber disto”.
4. É certo que da túa materia non van saber máis ca ti, da vida tampouco. Pero nunca te poñas ó seu nivel, recorda que es unha persoa con máis anos vividos e que te podes defender de calquera ataque con calma e coñecemento, nunca con gritos ou malas palabras.
5. Se a cousa se descontrola, párao todo, volve ó principio, reláxate e, se non é posible, non continúes co tema. Outro día será.


 Estas son algunhas directrices que me autoaconsellan por se algún día me sucede, para ter a ilusión de que estou preparada para todo. Pero, como xa dixen, o alumnado sempre sorprende, sempre terá preguntas para as que non teremos unha resposta satisfactoria. Sorriso e a seguir arredor do si e do non.



Fonte da imaxe

xoves, 17 de setembro de 2015

Arredor da introdución e da conclusión

Bos días, boas tardes, boas noites... como alguén dixo algunha vez, eu tampouco sei como comezar e rematar as cousas. A quen non lle pasou o de ver “introdución” e ter unha embolia cerebral despois dunha hora pensando? Pensando en que? Que poñer? Non! Pensando: como non vou ter nada que dicir? (aplicable a calquera situación, académica ou non). Pois iso mesmo me sucedeu ante o fenómeno Toro de la Vega. Non existe introdución no mundo para este acontecemento.

Así, sen introdución. Comecei hoxe a escribir por unha razón, que non debe desmerecerse por ser unha, senón revalorizarse por ser única: conclúo a primeira semana de preparación das oposicións a profe de secundaria! (exclamación de grito liberador). Pois ben, como futura profe (espero) formuláronseme varias dúbidas en relación con ambos temas, de “rabiosa” actualidade (neste caso vénlle xenial o adxectivo de ámbito periodístico), o Toro de la Vega e a educación. No primeiro saco podemos meter toda a tauromaquia e maltrato animal, do que falaremos noutra entrada futura porque é un tema ó que me achego pouquiño a pouquiño porque me asusta afondar nel. Co segundo refírome á educación máis bonita, á educación de educar, non a de ensinar e aprender, xa que logo, a lei obriga a educar, pero... un momento! A lei tamén nos obriga a respectar ós demais, sen importar a raza, etnia, relixión e un longo etc. (nota mental: teño que aprendelo). Esta é a miña grande dúbida, que lle digo a un/unha alumno/a que me pregunte por esta incongruencia, poderíase dicir lexislativa? Non sei como chamarlle nin sei como explicalo. Obviamente sairía do paso con calquera rimbombante resposta que nin eu nin o suposto discente comprendería, ó que todos botamos man de cando en cando.

Mais, agora, gustaríame reflexionar un pouco sobre este tema. Digo que é incongruente porque a sociedade, a través dos partidos políticos que todos e todas eliximos democraticamente, permita que exista unha lei contra o maltrato animal e outra que o permita. É certo que existen outras moitas, pero esta paréceme especialmente chamativa polo mediático do asunto. A lei educativa (LOMCE e anteriores) promulga durante moitos e moitos parágrafos, no preludio e no texto mesmo, o respecto cara os demais, que calquera opinión é válida, que debemos escoitar sen xulgar... en consonancia, tamén di o mesmo de cara ós animais. E logo? Que lle digo ó/á alumno/a? Que está ben o maltrato animal cando é unha tradición milenaria? Creo que os rapaces e rapazas deste país xa non poderían entendelo, porque viven noutro mundo. E fan ben. Ou os que viven noutro mundo son os habitantes de Tordesillas? En todo caso, continúo co mesmo debate interno.

A solución podería pasar por varios puntos. 1. Declarar un estado independente chamado Tordesillas. A experiencia en Cataluña di que non é minimamente probable. 2. Retirar da lei educativa calquera referencia ó respecto, tanto animal como das persoas. Darllo ó primeiro significa quitarllo ós segundos, e viceversa (palabra en boga que non debía deixar pasar). 3. Eliminar o festexo. E se facemos isto? Non entraría en contradición con nada, todo o contrario, significaría ser, por fin, coherentes coa clase de sociedade que lle queremos –manifestamente- transmitir á próxima xeración. Isto lévame a outra cuestión: que é o maltrato animal? Poderían ser as granxas, os zoos, os circos focos de maltrato? Por que non se dirixen os periodistas en masa a retratar fielmente o que nestes lugares teñen que soportar millóns e millóns de animais día tras día? Porque, ó igual que me sucede a min, ollos que non ven...

Como xa dixen, non sei como rematar, como concluír, como pechar esta entrada. E non quero facelo. O Toro de la Vega é un síntoma, un símbolo, non de España (todo o mundo se avergonza deste estado, sen falta de razón) senón do mundo enteiro. Somos a especie depredadora, egoísta e orgullosa que acabará co resto e consigo mesma. Pero tamén a lei me obriga a non ser alarmista. En definitiva, non teño resposta. Quizais sexa que o mundo e o ser humano é definición de contradición, o noso papel é aceptalo ou non e actuar en consecuencia. Bos días, boas tardes e boas noites. 




Fonte da imaxe