Se alguén chegou aquí buscando un relato erótico, síntoo.
Imos achegarnos ó tema do sexo nunha aula de secundaria. Xurdiume o interese
polo tema (o da relación sexo e educación, non o do sexo en si) cando, de
súpeto, recordei ó meu titor e profe de música de 4º da ESO.
O meu profe deuse de conta, a metade de curso que, na hora
semanal de titoría, que el pensaba aproveitar para que estudásemos e
repasásemos contidos doutras materias, practicabamos a nobre arte de facer
nada. Chegounos á semana seguinte cun guión, seguramente tirado do Google
“hablar con los alumnos de sexo en la hora de tutoría” (en Google, as cousas
serias só se atopan en castelán). Ese guión propoñía diferentes temas
relacionados, non explicitamente, co sexo, as relacións, métodos anticonceptivos,
ETS, etc. Como é lóxico, con 15 e 16 anos, as risas non se disimularon. Ante a
nosa reacción o profe sorriu e deu por feito que nos facía gracia por vergonza,
porque aínda non sabiamos o que era aquilo. Comezou a falar como gran experto
no tema e as risas continuaron. Para facernos calar un pouco, sinalou a unha de
nós e preguntou:
-A ver, ti que tanto te ris, sabes do que estou falando?
Xirámonos expectantes esperando a resposta da compañeira.
–Profe, sabes ti do que falas? Porque non o parece.
A gargallada foi unánime, mais o colorado foi el e non ela.
O coitado quedou sen fala (para que vexades como pode ser un/unha adolescente).
Vimos debilidade nel e animámonos a continuar a tese da nosa compañeira.
–Profe, como perdiches a virxindade?- dixo alguén en alto.
El contestou moi nervioso e coa fala entrecortada: -Pois...
coma todo o mundo. Nunha cama e coa luz apagada.
A batalla de preguntas continuou toda a hora.
–Profe, ti vas de putas?
-Eu? Non! Bueno... unha vez, nunha despedida, pero bueno...
esa non conta! Bueno... eu prefiro ir ó videoclub, pillar unha peli e bueno...
Ide recollendo que vai tocar o timbre.
Así, volvemos a practicar a nada na hora de titoría. Poñéndome
no papel do profe, desa experiencia aprendín varias cousas:
1. Non debes ter medo a falar de cousas que che
poidan dar vergonza: sexo, temas escatolóxicos, morte, enfermidade, política,
relixión. En definitiva, todo aquilo que adoitas evitar nas comidas familiares.
2. Procura ser sincero/a co alumnado. Sempre van
notar cando “vas” de algo que non es.
3. Prepara o tema moi ben. Anticípate ó que che
poidan preguntar. Nunca penses “bah, iso é imposible que o digan nunha clase”
ou “son moi novos para saber disto”.
4. É certo que da túa materia non van saber máis ca
ti, da vida tampouco. Pero nunca te poñas ó seu nivel, recorda que es unha
persoa con máis anos vividos e que te podes defender de calquera ataque con
calma e coñecemento, nunca con gritos ou malas palabras.
5. Se a cousa se descontrola, párao todo, volve ó
principio, reláxate e, se non é posible, non continúes co tema. Outro día será.
![]() |
| Fonte da imaxe |

Ningún comentario:
Publicar un comentario