Hai
uns días atrás que nun programa deses de nenos cantores se deu un caso
clarísimo de “contraeducación”. E que significa contraeducación? Un dos membros
do xurado, unha muller, valorou a actuación dun dos nenos participantes de
forma positiva posto que o rapaz tiña un “aire chulito, que a mi, como mujer,
me encanta”. Analicemos esta aseveración. Debemos entender que é positivo que
un neno –porque nunha nena nunca sería así- demostre unha actitude deste tipo?
Supoñamos que si. Entenderá esta muller que ela expresou un gusto persoal
(gústanlle as persoas “chulas”), pero sería o mesmo se esta actitude a mostrase
unha nena? Igual si. Entón, debemos aplaudir a súa sinceridade, pois ela só
verbalizou o que está “de moda”, o que a industria musical fomenta: hai que ter
unha personalidade subversiva para ter éxito como artista. Seguramente isto
sexa certo, se vemos o panorama musical, actual e pasado. Os artistas que
triunfan, ao máis alto nivel mundial, son aqueles que posúen estas
características. E con estes refírome aos que teñen un público preadolescente
ou adolescente.
Transmíteselles,
normalmente ás rapazas, un modelo masculino ideal e irreal a través do
audiovisual. O prototipo de home “perfecto”, aquel que é perfecto na súa
imperfección. Explícome. Este home sempre é “un tío malo” que lles fai dano ás
mulleres, que se porta mal con elas, que non quere a ninguén máis que a si
mesmo, que non respecta as normas, etc., é dicir, un Christian Grey. Pero, oh!
Apareces ti, rapaza torpe, imperfecta, fea, con gafas, que non viste nada sexy.
El ve algo que ninguén máis ve: o teu interior perfecto, doce, estrafalario,
raro, pero amorosamente entrañable. Sucede algo máxico, el namorase de ti e
cambia a súa forma de ser para sempre, dun día para outro, sen pestanexar. Eu
pregúntome, e despois que? Serás feliz con ese home que xa non é como che
gustaba nun principio? Tamén ti cambiaches, dun día para outro, o teu gusto? Ou
será que o que realmente che gustaba era ese reto de poder cambiar a unha
persoa? De ser así, unha vez conseguido, buscarás outro? Se o que querías era
un home atento, boa persoa, respectuoso coas mulleres, etc., por que te
fixaches na banda oposta? Caeremos no tópico de que os polos opostos se atraen.
Normalmente,
tras o frechazo, a rapaza tampouco será a mesma, cambiará a súa forma de
vestir, de ser, a súa actitude cara os demais... ela é consciente do seu
cambio? Se o é, porque non o fixo antes de coñecer á súa media laranxa? Non. O
importante é que unha persoa te revolucione por dentro, que sexa tan importante
que te cambia da noite á mañá. Isto é o que lles transmitimos ás nosas nenas e
aos nosos nenos. Un amor desfasado para a sociedade, non actualizado, máis
propio das Cantigas medievais que dunha sociedade igualitaria.
Que
facemos educadores e educadoras? Intentar reverter esta situación. Debemos
facelo, pois así estamos obrigados/as por lei. Paréceme ben. Pero volvemos ás
mesmas, quen socializa? A tele. Quen está na tele? Mulleres que defenden ante
miles de espectadores e espectadoras, entre eles moitos menores, que lle gustan
“chulos”.